A Xunta salienta os investimentos no eido da Industria 4.0 como clave para impulsar a competitividade das pemes galegas

Mié, 23/01/2019 - 08:30

Representantes do Igape salientaron a importancia dos investimentos industriais no ámbito 4.0 como unha da claves para impulsar a competitividade e a modernización do tecido empresarial galego durante a súa participación na xornada Financia Industria, organizada en Santiago de Compostela pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (Mincotur).

A Cidade da Cultura acolleu o acto no que os representantes do Igape destacaron a cooperación entre Administracións como peza clave para reforzar o labor de promoción empresarial e para procurar que todos os proxectos de investimento viables das pemes galegas acaden o asesoramento e o financiamento que precisen para poñerse en marcha ou ampliar a súa capacidade competitiva.

Lembraron que a Xunta mantén abertas ata o vindeiro 15 de marzo as dúas primeiras convocatorias de 2019 dos programas de obradoiros e axudas á dixitalización que este ano contan cun orzamento de 5 millóns de euros e que prevén mobilizar 13,28 millóns e beneficiar a 200 empresas.

Pola súa banda, o Goberno central presentou os retos da política industrial e de apoio as pemes e os programas de impulso, facendo especial fincapé nas novas convocatorias de préstamos de reindustrialización e competitividade do Mincotur para investimentos en industrialización en xeral e, en concreto, para actuacións na incorporación de tecnoloxías 4.0, que estarán abertas ata o 31 de xaneiro de 2019.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36797/xunta-destaca-las-inversiones-ambito-industria-4-0-como-clave-para-impulsar-competitividad