Ames e Brión acollerán un novo obradoiro de emprego que formará a 20 persoas na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas

Ven, 24/09/2021 - 11:59

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na clausura do obradoiro de emprego dual Ames-Brión Forestames-Ames, que este ano formou a 20 persoas en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”. Neste senso, lembrou que os participantes combinaron un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, e optaron a un contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu - é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Na clausura, o delegado territorial da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2021-2022 que permitirá a realización dun total de 10 talleres na comarca de Santiago, dos cales 6 deles son de carácter dual ordinario, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 4 dirixidos a persoas mozas, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego na área de Santiago máis de 3,5 millóns de euros.

Os obradoiros duais serán os de Ames compartido con Brión, centrado en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; Arzúa compartido con Boimorto e Santiso; Ordes compartido con Frades e Mesía; Padrón compartido con Rois e Dodro, Santiago de Compostela e Val do Dubra compartido con A Baña, Negreira e Santa Comba. Pola súa banda, os obradoiros de garantía xuvenil impartiranse en Teo compartido con Boqueixón e Vedra; en Santiago de Compostela; en Rois e na Mancomunidade de Ordes.

Estes obradoiros permitirán que un total de 184 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna, a xornada completa, por un mínimo de tres meses, a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Ampliación da convocatoria

A Xunta vén de reforzar a convocatoria deste ano de obradoiros, co seu maior orzamento, o maior número de accións e de persoas beneficiarias. Na actual convocatoria se acadan múltiples cifras récord: en canto a orzamento, permitirá desenvolver un total de 33 actuacións na provincia entre obradoiros duais e de persoas mozas cun investimento de máis de 11,3 millóns de euros.

Máis que formación

As persoas desempregadas que participan nestes programas -desenvolvidos por concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo. Unha vez remata o obradoiro, teñen oportunidade de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/62069/ames-brion-acogeran-nuevo-taller-empleo-que-formara-20-personas-especialidad?langId=gl_ES