As axudas autonómicas de emprego ás entidades sen ánimo de lucro permitiron a contratación de 700 desempregados en 2018

Mér, 30/01/2019 - 08:30

A Xunta destinou en 2018 preto de 10,8 millóns de euros en axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro que permitiron a contratación de 689 persoas desempregadas. Esta actuación, que inclúe tamén os apoios específicos para a contratación de menores de 30 anos, beneficiou a 180 asociacións.

Esta iniciativa ten por obxecto a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sempre que estean inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (Ruepss), é dicir, a actuación ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral.

Como novidade, nesta edición, para a convocatoria destinada á contratación de persoas desempregadas sen límite de idade introduciuse a figura das entidades que desenvolven proxectos singulares: as que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico e teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Para estas asociacións -un total de 37- destinouse un orzamento de máis de 3,1 millóns de euros, o que permitiu a contratación de 187 traballadores.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36998/las-ayudas-autonomicas-empleo-las-entidades-sin-animo-lucro-permitieron-contratacion