Balseiro clausura o obradoiro dual de emprego que formou a 20 traballadores desempregados en Carballedo e Chantada
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Serra do Faro IV, que compartiron os concellos de Carballedo e Chantada e que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 317.500 euros.
Balseiro participou na entrega de diplomas aos 20 participantes que remataron os nove meses de formación remunerada. O delegado lembrou que se trata dun obradoiro dual, polo que a Xunta ofrece a posibilidade de subvencionar a contratación durante tres meses máis de 11 dos alumnos traballadores en empresas locais.
O obradoiro formou a doce persoas participantes nas especialidades de ‘Pavimentos e albanelaría de urbanización’ e a oito alumnos en traballos de xardinería e conservación e mellora de montes.
A iniciativa serviu para levar a cabo diversas actuacións de utilidade en ambos municipios. Entre as labores desenvolvidas figura o acondicionamento da área recreativa da Barrela, en Carballedo. En Chantada, o obradoiro traballou no mantemento de xardíns e do viveiro municipal; na conservación do monte San Lucas e na rexeneración das beirarrúas e das zonas verdes da Avenida de Monforte.
