Conde avoga por que o emprego inclusivo sexa unha realidade en todas as empresas galegas

Mér, 09/01/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante a presentación do proxecto pioneiro 
i-Work: creación dunha cultura de emprego inclusivo na comarca do Barbanza, por que este tipo de emprego sexa unha realidade en todas as empresas galegas.

Dentro desta aposta, o Goberno galego, xunto coas Fundacións Repsol e La Caixa e concellos da zona, apoian o proxecto i-Work, impulsado pola Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional e que ten por obxectivo avanzar na integración deste colectivo mellorando a súa inserción laboral nas empresas do Barbanza. Para logralo traballará no eido da sensibilización, información e formación dos profesionais das empresas, especialmente directivos e responsables dos procesos de contratación, co obxectivo de mellorar a percepción social da diversidade. Entre outras cuestións, ofrecerán asesoramento para crear procesos de selección máis accesibles nas empresas ou para adaptar os postos de traballo.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36604/conde-avoga-por-que-emprego-inclusivo-sexa-unha-realidade-todas-empresas-galegas