Conde destaca que a recuperación do naval está a chegar ás persoas cun 20% máis de afiliacións á seguridade social desde 2014

Mar, 25/06/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no acto de clausura da xunta xeral de accionistas de Pymar, celebrada en Madrid, que a recuperación do naval está a chegar ás persoas, un sector no que as afiliacións á Seguridade Social creceron en Galicia desde 2014 nun 20%, acadando a peche de 2018 preto das 40.000.

O titular de Economía puxo en valor a implicación e compromiso do Goberno galego cunha industria estratéxica para Galicia, así como o traballo conxunto levado a cabo polo sector e a Administración para recuperar o seu liderado. Así, lembrou que Galicia está recollendo os froitos do traballo feito durante a última década e, por iso, é hoxe un referente nesta industria cun volume de negocio de 2000 millóns de euros o ano pasado e representa, segundo datos de Aclunaga, o 4,3% do PIB, exportando o 90% da súa produción.

Conde, ademais, destacou que estas boas expectativas mantéñense para 2019, xa que a Comunidade galega é a segunda carteira de pedidos máis importante do continente. De feito, conta con máis da metade dos pedidos en España, sendo, polo tanto, a Comunidade con maior carga de traballo (38%).

O conselleiro apuntou á innovación e á diversificación como claves para este crecemento, sinalando o esforzo e o compromiso de toda a industria por modernizarse e adaptarse ás novas demandas do mercado. Puxo como exemplos a eólica mariña (Navantia) ou o segmento dos cruceiros de alta gama (Barreras).

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40957/conde-destaca-que-recuperacion-naval-esta-chegar-persoas-cun-20-mais-afiliacions