Conde pon en valor o obradoiro dual de emprego de Monforte pola súa especialización que contribúe a ter unha Galicia máis preparada
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Monforte de Lemos, na visita que realizou ao obradoiro dual, a importancia deste tipo de programas de formación e emprego porque grazas a súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia máis preparada.
Na iniciativa están a participar 20 alumnos e alumnas que están recibindo cualificación, ao tempo que acceden a un posto de traballo, nas especialidades de albanelería e operacións auxiliares de revestimento continuo en construción. Unha vez que rematen o obradoiro, que conta con nove meses de duración, terán, ademais, a posibilidade de acceder a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante tres meses máis, como mínimo, grazas á dualidade do obradoiro.
A formación que están recibindo estalles permitindo, ademais, acondicionar a antiga sede da escola-taller, próxima ao instituto da Pinguela, para ofrecer un novo centro de formación ocupacional. En concreto, os alumnos e alumnas retiraron as casetas actuais, habilitaron dúas novas aulas e unha sala de reunións e proxectaron que unha destas aulas se conciba como unha sala especializada en TICs.
