Convocada unha nova edición das probas de competencias clave que poderán beneficiar a preto de 3.000 galegos e galegas

Lun, 24/03/2014 - 10:52
A Consellería de Traballo e Benestar convocou as probas de avaliación en competencias clave para poder acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade. Este ano estímase que preto de 3.000 galegos e galegas participen nestes exames dirixidos a aquelas persoas que non posúan os requisitos académicos requiridos para o acceso aos cursos vinculados aos certificados de profesionalidade. Deste xeito, mediante este proceso de avaliación específico, poderán demostrar que adquiriron os coñecementos requiridos para cursar os correspondentes módulos dos certificados. O prazo para inscribirse nesta actuación rematará o próximo día 10 de abril. Os interesados deberán remitir a súa solicitude ao Instituto Galego das Cualificacións.O modelo está dispoñible na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, e tamén na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es/. As probas terán lugar o 24 de maio para o nivel 2 (quenda mañá) e nivel 3 (quenda de tarde). En concreto, os exames serán para catro competencias ou materias: lingua galega, inglés, matemáticas e lingua castelá. A posta en marcha desta iniciativa responde á renovación que desde 2009 se vén realizando en toda a oferta de formación para o emprego, en base aos novos certificados de profesionalidade. Unha das principais novidades que introducen estes módulos é a de esixir uns requisitos de acceso para os alumnos, que aseguren deste xeito que contan cunha formación mínima para seguir con aproveitamento a actividade. En definitiva, con este fin, puxéronse en marcha as probas de avaliación en competencias clave, que permiten acceder a estes cursos a aquelas persoas que non poidan acreditar posuír a formación básica necesaria para optar aos mesmos. Desde 2009 preto de 15.000 persoas participaron neste proceso que convoca a Dirección Xeral de Emprego e Formación que de media adoitan aprobar un 80 por cento dos participantes. Toda a información que se precise ao respecto destas probas pode consultarse na web http://traballo.xunta.es/portada-competencias-clave.