Cores Tourís clausura o obradoiro “Coidar de Nós” no que se formaron 20 desempregados de Ponteareas e As Neves

Mér, 21/08/2019 - 08:30

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá que o obradoiro “Coidar de Nós” no que se formaron 20 desempregados de Ponteareas e As Neves en atención sociosanitaria e xardinería. No acto estivo acompañado do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro conxunto de Ponteareas e As Neves, denominado “Coidar de Nós”, contou con 20 alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros. Estivo centrado en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e institucións e en actividade auxiliar en viveiros e mantemento de xardíns, polo que os alumnos realizaron prácticas levando a cabo atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e nas propias institucións da localidade, así como rehabilitando e mantendo os espazos verdes municipais.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Tratamos así de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42371/cores-touris-clausura-obradoiro-coidar-nos-que-formaron-20-desempregados-ponteareas