Cores Tourís destaca na clausura do obradoiro 'Forme18' de Vilagarcía a importancia dunha formación especializada que facilite o acceso ao mercado laboral

Mar, 06/08/2019 - 08:30

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe na clausura do obradoiro dual de emprego Forme18 no que participaron un total de 20 veciños de Vilagarcía de Arousa, recibindo formación especializada en carpintería e promoción turística. No acto estivo tamén presente o alcalde da localidade, Alberto Varela.

Cores Tourís sinalou a necesidade de ofrecer unha formación continua que garanta un acceso máis favorable ao mercado laboral, lembrando que a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico.

O delegado territorial da Xunta, ademais, destacou o compromiso da Xunta pola formación poñendo en valor que neste obradoiro a Xunta investiu máis de 288.800 euros. Dez dos participantes recibiron formación e realizaron un traballo vinculado ás seguintes actividades: elaboración de mobiliario en diferentes edificios municipais. Os outros dez restantes formáronse en promoción turística local para a posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais do municipio e a súa difusión.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42039/cores-touris-destaca-clausura-obradoiro-forme18-vilagarcia-importancia-dunha?langId=gl_ES