Corina Porro clausura o obradoiro de emprego 'Mos Rehabilita' no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería

Ven, 09/08/2019 - 08:30

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, achegouse hoxe ao Parque Costoias de Tameiga para participar no acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Mos Rehabilita, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

A representante autonómica, quen estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica en materia de formación e emprego. Así, tras felicitar ao alumnado que vén de rematar a súa formación na especialidade de albanelería e xardinería, destacou a importancia destes programas mixtos de formación e emprego, por canto “a capacitación laboral é clave para acceder a un posto de traballo de calidade”.

Porro animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brindou”, exemplificou nestes programas o éxito da colaboración institucional e fixo especial fincapé no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, con medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.

Respecto a esta última edición do Mos Rehabilita, a Administración autonómica destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería, un total de 318.300 euros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42192/corina-porro-clausura-taller-empleo-mos-rehabilita-que-formaron-20-desempleados