Feijóo refírese ás Aulas Newton como a constatación da aposta de Galicia pola innovación e o sector aeronáutico que permitirá a máis de medio millar de alumnos alimentar a súa vocación tecnolóxica

Mér, 23/10/2019 - 08:30

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ás aulas Newton como a constatación do compromiso de Galicia coa innovación e o sector aeronáutico que permitirá a máis de medio millar de estudantes da provincia de Lugo alimentar a súa vocación tecnolóxica.

Durante o lanzamento do proxecto desde a cidade de Lugo, e que percorrerá toda Europa, Feijóo agradeceu o compromiso de empresas –Boeing e First Scandinavia- e administracións -do Concello de Lugo, da Consellería de Educación e da Consellería de Economía- que fixeron posible que esta iniciativa se consolidase, situando a Galicia como un destacado axente educativo. Non en van, estas aulas fomentarán un coñecemento científico-técnico que servirá para formar aos futuros profesionais do I+D e da industria de Galicia.

“Co fomento dos coñecementos STEM, particularmente das matemáticas e do aeronáutico, podemos estar formando á próxima xeración de pilotos, de controladores aéreos, de mecánicos, de enxeñeiros aeronáuticos ou de deseñadores da industria aeroespacial, por exemplo. Nas súas mans estará resolver os retos do futuro grazas ás novas tecnoloxías: a mobilidade, a electrificación, os medios de transporte ou a transicións enerxética, entre outras”, abundou, aseverando que a Aula Newton representa unha revolución educativa polos seus compoñentes móbiles e polos seus contidos educativos, consolidando un proxecto centrado na diversificación cara a novos sectores industriais.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/43993/feijoo-refirese-aulas-newton-como-constatacion-aposta-galicia-pola-innovacion