formación de animación 3D para persoas con discapacidade

Ven, 20/12/2013 - 10:30
A Consellería de Traballo e Benestar volveu a colaborar este ano coa Fundación Averhó para apoiar un programa de formación para persoas con discapacidade, que ten por obxectivo ofrecer unha formación especializada aos mozos e mozas con mobilidade reducida para a súa incorporación laboral ao sector audiovisual. Desde 2010 e ata o de agora xa recibiron esta formación 30 persoas. O departamento autonómico leva desde 2010 financiando esta iniciativa na que xa investiu preto de 400.000 euros. Este programa, permite aos seus participantes formarse nun ámbito “con boas expectativas de inserción laboral”. En definitiva, a finalidade deste programa de formación é incorporar a persoas con mobilidade reducida ao mercado de traballo no ámbito das TIC, aproveitando a situación favorable da demanda no mercado mundial de produtos 3D e facilitando a integración social das persoas con poucas oportunidades laborais. A acción formativa impartida ao longo dos últimos catro anos tivo unha duración de 2.705 horas lectivas. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, fixo referencia a que unha das principais actuacións do departamento autonómico é colaborar con este colectivo na inserción laboral, xa que explicou que un posto de traballo é, para todas estas persoas, o piar esencial desde o que desenvolver o seu proxecto de vida, xa supón o acceso non só aos recursos económicos, senón tamén ao intercambio social e ao crecemento persoal.