Galicia promove un programa pioneiro para impulsar a Industria 4.0 a través da contratación de 140 mozos e mozas menores de 35 anos

Ven, 26/07/2019 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará, a través do Igape, a especialización e o acceso ao mundo laboral de 140 mozos e mozas menores de 35 anos con titulación universitaria ou de técnico superior de formación profesional (FP). Será mediante a convocatoria do novo programa Profesionais 4.0, aprobado hoxe polo Consello da Xunta. A través desta liña de axudas, dotada con dous millóns de euros, incentivarase a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.

As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41884/galicia-promove-programa-pioneiro-para-impulsar-industria-4-0-traves-contratacion