Información sobre os PIF para a obtención de Tarxetas Profesionais

Ven, 15/11/2013 - 19:06
La Reforma Laboral de 2012 así como a Sentenza do Tribunal Supremo do 11 de febreiro de 2013 supuxeron a modificación do criterio ata agora aplicado aos cursos de formación continua de tarxetas profesionais da construción, metal e madeira e moble, en relación á súa solicitude e desfrute como permisos individuais de formación. A sentenza do Tribunal Supremo establece que determinada formación se constitúe como un deber para o empresario co fin de garantir que o traballador poida desempeñar a súa ocupación, encadrándose entón non no ámbito individual do traballador, isto é, non está destinada a favorecer o desenvolvemento profesional e persoal do traballador á marxe da empresa, senón que se encadra dentro do contrato de traballo, pois se lle esixe unha formación que incide directamente sobre a súa actividade. O Estatuto dos Traballadores, nos seus artigos 4.2,b) e 23.1, d) modificados coa reforma laboral de 2012, establece como un dereito do traballador e, consecuentemente, como unha obriga da empresa, a formación profesional dirixida á adaptación das modificacións operadas no posto de traballo. En consecuencia, a formación establecida nos respectivos convenios colectivos (construción, metal, madeira e moble) para a obtención das tarxetas profesionais indicadas, non pode ser solicitada como permiso individual de formación nos casos nos que esta formación incida directamente na actividade que desempeña o traballador no seu posto. Por tal motivo, non se admitirá, nos casos mencionados, a comunicación de Permisos relativos á formación establecida nos respectivos convenios colectivos (construción, metal, madeira e moble) para a obtención das tarxetas profesionais indicadas. Non obstante, estes cursos poderán incluírse no ámbito das accións formativas de demanda que as empresas destinen aos seus traballadores e que sexan susceptibles de ser bonificadas.