A Agasp recrea unha vivenda na súa sede para dar formación ao persoal de emerxencias

Dom, 08/12/2013 - 19:12
A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), con sede na Estrada, habilitou nas súas instalacións un espazo de 90 metros cadrados que simula unha vivenda real para dar formación ao persoal policial e de emerxencias que se forma nas súas dependencias. A construción desa vivenda é unha das liñas de acción para o período 2013-2016 que se recollen no plan de adaptación da academia para para unha formación máis práctica do persoal de seguridade e do sistema integrado de Protección Civil e Emerxencias de Galicia que se forma nestas. Nese espazo terán lugar as prácticas dun curso de intervención en lugares pechados, moi demandado e para o que o centro contabilizou máis de 300 solicitudes. É a primeira vez que imparte unha iniciativa formativa destas características. Formará os policías locais na execución de resolucións xudiciais, técnicas de arresto, control, inmobilización e condución e progresións armadas.