A Xunta vén de abrir o prazo de inscrición para proxectos de economía social no espazo comercial ES-Pop Up Ourense
A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa coa súa aposta de apoiar os proxectos e empresas galegas de economía social coa celebración en Ourense, do 13 ao 15 de xuño, de ES-Pop Up, un espazo comercial efímero de emprendemento. O obxectivo é introducir novos produtos e servizos, testar unha idea de negocio ou estender o valor da marca.
Con ES-Pop Up crearase un ecosistema comercial aberto de duración limitada, que atraia un maior fluxo de persoas achegando a economía social á cidadanía. A convocatoria está dirixida tanto a empresas de economía social en fase de consolidación como a novos emprendedores interesados en impulsar proxectos empresariais de economía social, de Galicia ou do norte de Portugal.
Un total de oito proxectos poderán acceder a unha experiencia real de venda de produtos ou servizos que desexen testar, o que lles permitirá avaliar o grao de satisfacción do público e adoptar as melloras necesarias. Ademais, a través de varios talleres preparatorios formativos e sesións de titorización individual, os participantes poderán profundar sobre contidos que complementen a súa formación comercial e enriquezan os seus proxectos empresariais: escaparatismo, márketing dixital e comercial, capacidade financeira ou previsión económica serán, entre outras, as temáticas que se abordarán. Esta edición é a primeira das tres que desenvolverá a Xunta ao longo deste ano e que darán cabida a un total de 26 participantes.
