Máis de 200 mozos realizaron prácticas profesionais en Europa a través do programa Galeuropa

Mér, 11/12/2013 - 09:57
Máis de 200 mozos e mozas galegos participaron este ano no programa Galeuropa que financia a Consellería de Traballo e Benestar, a través do que puideron realizar prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera dos estados membros da Unión Europea. Cada participante recibiu unha axuda de 2.400 euros obtendo un anticipo do 80 por cento para a realización das prácticas que tiveron unha duración de 8 semanas. As prácticas tiveron lugar nos ámbitos da arquitectura, automoción, cultura, enxeñería, química, saúde, turismo, educación, informática, medioambiente e o sector servizos. Os participantes nesta iniciativa estiveron en Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda, Islandia, Italia, Luxemburgo, Malta, Polonia, Portugal, República Checa, Reino Unido, Romanía, Eslovenia e Suecia.En 2013 destináronse 600.000 euros para este programa. Galeuropa ten por finalidade apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo. O obxectivo é que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo. Por último, tamén neste ámbito de actuación, a Consellería e a Fundación Paideia ofertaron este ano 10 prazas para a realización de prácticas laborais na cidade de Karlsrule (Alemaña) durante unha estadía de 4 semanas.