O sistema educativo galego contará con 30 auxiliares de alto perfil académico en inglés, un 25% máis
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e Stewart Tuttle, copresidente estadounidense da Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América, veñen de asinar dous convenio de colaboración, un deles en materia de plurilingüismo e outro en beneficio dos posdoutorandos do Sistema Universitario de Galicia. Ao acto asistiron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e o director executivo da Comisión, Alberto López San Miguel.
Ao abeiro do primeiro dos acordos, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso con 30 auxiliares de alto perfil académico seleccionados pola Comisión Fulbright, o que supón un 25% máis ca no presente curso. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a presenza de persoas nativas de fala inglesa cun alto perfil académica nos centros plurilingües galegos, contribuíndo ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), así como á competitividade futura do alumnado nestes eidos, nos que o dominio da lingua inglesa é fundamental.
