Os emprendedores do coworking de Ourense apostan polas solucións TIC e os servizos personalizados de calidade

Mér, 31/07/2019 - 08:30

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema, salientou hoxe en San Cibrao das Viñas os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking ourensán, onde os 16 emprendedores participantes da segunda edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 14 iniciativas no espazo de emprendemento que impulsa a Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como a comercialización e a prestación de servizos de enxeñaría eléctrica; o asesoramento dixital para emprendedores, retornados e estranxeiros; a conservación forestal e de xardíns; servizos de consultaría a empresas, organizacións e particulares en sectores diversos; a alimentación sostible e a restauración creativa.

Durante a súa intervención no demoday, Lema subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades personalizadas e especializadas dos novos clientes dos mercados actuais, con oferta de produtos e servizos de alta calidade, así como a decidida aposta pola implantación de tecnoloxías e solucións 4.0, a valorización dos recursos do territorio e a creatividade como panca para a innovación do emprendemento.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41950/emprendedores-coworking-ourense-apostan-polas-solucions-tic-servizos-personalizados