Os obradoiros de Ribadeo forman a 36 persoas e realizan actividades de mellora do camiño e dixitalización de fondos municipais

Mér, 21/11/2018 - 08:30

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá un encontro cos participantes nos dous obradoiros de emprego que se desenvolven en Ribadeo. Neste concello están en marcha o obradoiro Ribadeo co Camiño, que forma a 20 persoas desempregadas ao tempo que realiza actividades de mellora e dinamización en torno á ruta xacobea, ademais do taller Doc-Tic II, que achega formación a 16 mozos e mozas menores de 30 anos.

Segundo explicou Balseiro, ambas iniciativas suman 43 contratacións, entre alumnos traballadores e persoal de dirección, administración e monitores. Os proxectos son promovidos polo Concello de Ribadeo e financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento conxunto de 443.000 euros.

O primeiro dos obradoiros ten unha duración de nove meses -ata finais de xullo do 2019- e imparte as especialidades de ‘Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes’ e ‘Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais’, con dez participantes cada unha delas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35469/los-talleres-ribadeo-forman-36-personas-realizan-actividades-mejora-del-camino