Ovidio Rodeiro clausura o obradoiro de emprego xuvenil de Santa Comba no que se formaron 16 alumnos en conservación e mellora de montes

Mar, 26/03/2019 - 08:30

Un total de 16 alumnos e alumnas formáronse nos últimos seis meses en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.

Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller promovido polo Concello de Santa Comba e compartido con A Baña, Negreira e Val do Dubra. Os alumnos comezaron a formación no mes de setembro e concluíron en marzo, tras seis meses de formación teórica e práctica. Grazas a este obradoiro leváronse a cabo 28 actuacións de limpezas, rozas, saneamento e repoboación de montes.

O delegado territorial comezou por felicitar aos participantes: “porque tivestes a oportunidade de traballar seis meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Neste senso, resaltou a importancia da colaboración entre administracións públicas para impulsar a formación e a calidade do emprego en Galicia.

Ovidio Rodeiro destacou “a importancia destes cursos porque se centran nas áreas nas que hai máis demanda laboral na comarca e permiten obter un certificado oficial para desempeñar postos de traballo con boas saídas laborais. Arredor do 60% dos alumnos atopan traballo, algúns incluso antes de rematar o curso”. Ademais, engadiu, “as empresas locais xa coñecen o éxito e a boa calidade da formación que se imparte polo que ven estes cursos moi atractivos para atopar xente ben formada nas áreas que lles interesan”.