Preto de 400 persoas desempregadas ampliarán as súas expectativas laborais grazas aos 25 cursos de formación nas comarcas de Terra Chá e Meira

Lun, 07/01/2019 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Plan galego de formación 2018/2019, ofrece 25 cursos nas comarcas de Terra Chá e Meira dos que poderán beneficiarse 400 persoas. Para este fin, a administración autonómica achega un investimento que supera o millón de euros, destinado a financiar o desenvolvemento destas accións formativas dirixidas a desempregados (AFD)

Os cursos teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro, e ofrecen aos participantes a posibilidade de ampliar a súa formación e, en consecuencia, mellorar as súas expectativas laborais. Ademais ao remate dos cursos o alumando recibirá, de ser o caso, os correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España, que acreditan os coñecementos adquiridos.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ás instalacións dun destes centros acreditados, en concreto ao centro de formación Forma-T de Vilalba (que tamén ten sede en Meira), adxudicataria de varias destas accións formativas en ámbitos diversos, como as enerxías renovables ou o sector sanitario, entre outros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36553/preto-400-persoas-desempregadas-ampliaran-suas-expectativas-laborais-grazas-aos