Primeiro proxecto experimental de Formación Profesional dual en Galicia

Mér, 18/12/2013 - 19:33
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director financieiro de Coremain SLU, Javier Atán Castro, asinaron un convenio de colaboración co que se inicia o proceso de implantación do sistema de Formación Profesional dual en Galicia. O proxecto, que se porá en marcha con carácter experimental con 15 estudantes no ciclo formativo de grao superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos, é o primeiro deste tipo que se desenvolve na nosa comunidade autónoma, o que dá mostra da aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola mellora da inserción laboral dos estudantes de ciclos formativos a través da adquisición de experiencia en centros de traballo reais. Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o conselleiro delegado de Coremain, Carlos Martí; e o xerente de Outsourcing, Juan Carlos Rodríguez Lemos. O novidoso deste proxecto vén dado, precisamente, polo feito de que se combina por primeira vez a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa – neste caso Coremain-, na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. Deste xeito, dos 2 anos e medio de duración do proxecto, o 21,7% desenvolverase no centro educativo correspondente, mentres que o restante se levará a cabo nas instalacións de Coremain. Para poñelo en marcha, abrirase unha convocatoria –que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 16 de xaneiro de 2013– para seleccionar a 15 persoas interesadas en cursar o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos ao abeiro deste proxecto. O período formativo desenvolverase no CIFP Politécnico de Santiago – para o que se dotou ao centro dun profesor máis- e nas instalacións de Coremain desde febreiro de 2013 ata agosto de 2015. En palabras do conselleiro delegado da empresa, “Coremain vai poder participar nos contidos formativos adaptándoos ás necesidades reais da empresa, e isto vai beneficiar especialmente ao alumno xa que ao rematar o ciclo formativo estará plenamente integrado no mundo laboral, a diferenza do que ocurre hoxe en día”