A segunda convocatoria do Programa Ignicia impulsará o acceso ao mercado de proxectos de investigadores que xeren rendibilidade

Lun, 23/04/2018 - 08:30

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha da segunda convocatoria do Programa Ignicia para impulsar o acceso ao mercado de novos proxectos de investigadores galegos que xeren rendibilidade.

Máis polo miúdo, Rueda explicou que a nova convocatoria do programa Ignicia, que contará un ano máis co apoio da Fundación Barrié, incluirá un investimento total de 3 millóns de euros ata 2020, completando o investimento total de 7 millóns ata o final da lexislatura que se comprometeu nun principio. Ata agora, destináronse en total 4 millóns de euros a iniciativas que permitiron crear ou manter 61 postos de profesionais de alta cualificación, así como poñer en marcha empresas de base tecnolóxica.

Como novidade, o vicepresidente da Xunta precisou que esta convocatoria introduce unha metodoloxía de avaliación previa de proxectos e tecnoloxías transferibles ao mercado. As iniciativas que se incorporen ao Ignicia terán o apoio dos técnicos desde o primeiro momento para orientar aos promotores do proxecto á hora de lanzalo ao mercado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/29915/segunda-convocatoria-del-programa-ignicia-impulsara-acceso-mercado-proyectos