A Xunta abre hoxe e ata o 30 de setembro o prazo de solicitude da axuda para facilitar aos autónomos a remuda xeracional
As axudas do novo programa de apoios da Xunta para facilitar aos autónomos a remuda xeracional pódense solicitar desde hoxe e ata o próximo 30 de setembro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria desta iniciativa á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 500.000 euros para facilitar a transmisión nos negocios dos traballadores por conta propia próximos á xubilación, identificando as condicións óptimas para o traspaso. A finalidade deste novo programa é, polo tanto, a concesión de axudas económicas para a realización dunha remuda xeracional ordenada nos negocios dos autónomos. Na actualidade, máis do 30% dos autónomos galegos se sitúa por riba dos 55 anos.
A través desta actuación, a persoa transmisora e a persoa adquirente do negocio terán unha axuda coa que se financiará o 100 % dos gastos de asesoramento cun límite de 1000 euros para a persoa transmisora e de 1500 euros para o adquirente.
