A Xunta abre o prazo de solicitude da segunda convocatoria para acreditar a experiencia profesional en sete cualificacións

Xov, 24/01/2019 - 08:30

A Xunta, a través da Consellería de Economia, Emprego e Industria, acreditará en 2019 a experiencia profesional dun total de 1817 galegos e galegas en 11 cualificacións. Para iso, desenvolve dúas convocatorias. A primeira xa se publicou no mes de decembro (o prazo de inscrición rematou o pasado 4 de xaneiro) e o prazo de solicitude para a segunda edición xa está aberto, rematando o 11 de febreiro. Inclúe 1350 prazas en sete disciplinas das que dúas son novas: docencia da formación para o emprego (100 prazas) e operacións auxiliares de fabricación mecánica (100 prazas). As cinco restantes son: atención sociosanitaria a persoas no domicilio (300 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (250 prazas); socorrismo en espazos acuáticos naturais (225 prazas); socorrismo en instalacións acuáticas (225 prazas); e tanatopraxia (150 prazas).

Na primeira edición convocáronse 467 prazas e un total de catro cualificacións: servizos para o control de pragas (50 prazas); xestión de servizos para o control de organismos nocivos (25 prazas); extinción de incendios e salvamento (150 prazas); e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (242 prazas).

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa competencia profesional.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36904/xunta-abre-plazo-solicitud-segunda-convocatoria-para-acreditar-experiencia-profesional