A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas do Bono Autónomo con apoios de ata 3000€ para a mellora da competitividade

Mér, 03/07/2019 - 08:30

Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas do Bono Autónomo co que a Xunta ofrece apoios de ata 3000 euros para a mellora da competitividade dos traballadores por conta propia. Os interesados xa poden presentar a súa solicitude ata o próximo 2 de agosto.

Trátase da terceira edición desta iniciativa coa que se busca apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses. A Administración autonómica prevé beneficiar a 1300 traballadores a través dun orzamento que alcanza os catro millóns de euros, un máis que ao longo do pasado exercicio.

A actuación conta con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41244/xunta-abre-prazo-solicitude-das-axudas-bono-autonomo-con-apoios-ata-3000-para?langId=gl_ES