A Xunta acreditará en 2019 a experiencia profesional de máis de 1800 galegos a través de dúas convocatorias

Mar, 18/12/2018 - 08:30

A Xunta acreditará en 2019 a experiencia profesional dun total de 1817 galegos e galegas en 11 cualificacións. Para iso, desenvolverá dúas convocatorias. A primeira delas acábase de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Inclúe 467 novas prazas e un total de catro cualificacións: servizos para o control de pragas (50 prazas); xestión de servizos para o control de organismos nocivos (25 prazas); extinción de incendios e salvamento (150 prazas); e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (242 prazas). Coa publicación da convocatoria abriuse xa o prazo de inscrición que rematará o 4 de xaneiro.

A segunda convocatoria publicarase a principios do próximo ano e incluirá un total de 1350 prazas noutras sete cualificacións das que dúas son novas: docencia da formación para o emprego (100 prazas) e operacións auxiliares de fabricación mecánica (100 prazas). As cinco restantes son: atención sociosanitaria a persoas no domicilio (300 prazas); atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (250 prazas); socorrismo en espazos acuáticos naturais (225 prazas); socorrismo en instalacións acuáticas (225 prazas); e tanatopraxia (150 prazas).

As cualificacións que se convocan, na maioría dos casos, son actividades ou profesións que por normativa, debido a razóns de saúde e seguridade, e co obxectivo de garantir un bo servizo aos usuarios, esixen como requisito imprescindible para desempeñalas a posesión dun título ou certificado de profesionalidade, que acredite a súa competencia profesional.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36193/xunta-acreditara-2019-experiencia-profesional-mas-1800-gallegos-traves-dos-convocatorias