A Xunta activa axudas por 380.000 euros para impulsar a contratación de persoas en risco de exclusión social

Lun, 13/05/2019 - 08:30

A Xunta vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a liña de axudas destinada á contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social en empresas de inserción laboral. A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá nesta actuación 380.000 euros co obxectivo de impulsar o emprego nas 10 compañías desta tipoloxía que existen en Galicia a través da contratación de 56 persoas. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

En concreto, estes apoios van dirixidos ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas perceptoras da Risga e persoas cualificadas polos servizos sociais en situación de risco de exclusión social. Para optar a estas axudas, cada empresa de inserción laboral deberá ter como mínimo un 30% dos seus postos de traballo ocupados por persoas en situación de exclusión e as persoas en proceso de inserción laboral poderán estar contratadas un máximo de 3 anos. Non se apoiarán contratacións inferiores a 6 meses nin xornadas laborais inferiores ao 50%.

As empresas de inserción laboral son aquelas que, entre outros requisitos, proporcionan aos seus traballadores medidas personalizadas de apoio, os seus cadros de persoal están formados nun 30% como mínimo por persoas en risco ou situación de exclusión social e aplican o 100% dos seus resultados á mellora ou ampliación das estruturas produtivas vinculadas á inserción laboral dos seus traballadores ou a programas de inserción laboral das súas entidades promotoras, ás que tamén van dirixidas estas axudas. En concreto, as entidades promotoras son aquelas corporacións de dereito público, entidades sen ánimo de lucro ou fundacións que inclúen a inserción social das persoas en risco de exclusión entre os seus fins e promoven a constitución de empresas de inserción laboral.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/39783/xunta-activa-axudas-por-380-000-euros-para-impulsar-contratacion-persoas-risco