A Xunta activa axudas por 8,5M€ para apoiar as entidades sen ánimo de lucro na contratación de máis de 500 persoas desempregadas

Lun, 24/08/2020 - 08:30

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha convocatoria de axudas dotada con 8,5 millóns de euros para apoiar a contratación de máis de 500 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro. A medida inscríbese nos programas que está a poñer en marcha a Administración autonómica, a través da nova Axenda de Emprego, para reducir o desemprego incrementando as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

Con esta iniciativa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de setembro, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a contratación de desempregados durante nove meses a tempo completo en preto de 170 asociacións que están inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais.

Nesta convocatoria, mantense a ampliación dun 3% no orzamento do programa polo que se estima que se concederá un importe medio por entidade de 50.900 euros e por traballador de 16.440 euros. Ao igual que nos dous anos anteriores, darase tamén prioridade ás entidades que desenvolven proxectos singulares, que son aquelas asociacións que prestan servizos a outros colectivos, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal. Das 167 entidades beneficiaras previstas, estímase que 37 terán proxectos singulares nas que se prevé contratar a 187 traballadores. Do global do orzamento (8,5M€) destinaranse tres millóns (35,2% do investimento) para as entidades con proxectos singulares.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/50980/xunta-activa-axudas-por-8-para-apoiar-entidades-sen-animo-lucro-contratacion