A Xunta amplía o prazo para que as empresas participantes no programa Profesionais 4.0 poidan contratar mozos e mozas de ata 35 anos

Mar, 26/05/2020 - 08:30

As empresas e asociacións empresariais adscritas ao programa Profesionais 4.0 (www.igape.es/profesionais4.0) disporán ata finais de agosto para realizar a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos, que participarán no desenvolvemento proxectos de mellora competitiva no eido da Industria 4.0. A ampliación do prazo para a formalización de contratos desta iniciativa da Xunta de Galicia ten como obxectivo favorecer ao tecido empresarial o acceso ás axudas no actual contexto económico, ao tempo que facilita a especialización e a incorporación ao mundo laboral de 139 mozos e mozas que recentemente obtiveron a titulación esixida.

Con esta liña de axudas pioneira, activada cunha dotación de 2 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa, a través do Igape, a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clusters, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.

As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49097/xunta-amplia-prazo-para-que-empresas-participantes-programa-profesionais-4-0