A Xunta apoia 132 proxectos cun programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0
A Xunta de Galicia apoia a 132 beneficiarios dentro do programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0. Este programa, cofinanciado entre o Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, comprenderá un investimento de preto de 2,30 millóns de euros. Estas axudas servirán para apoiar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.
O obxectivo primordial destas axudas é mellorar o traballo das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais, facilitando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados. Deste xeito, os proxectos no eido dixital destas compañías serán financiados ao 30% no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, facilitando a súa modernización e mellorando a súa competitividade a través da interconexión dixital entre as empresas vinculadas pola súa actividade. A segunda convocatoria destas características permanecerá aberta para a presentación de proxectos ata o vindeiro 20 de setembro.
Esta resolución súmase á recente concesión de axudas por valor de 376.000 euros coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, apoia o desenvolvemento de 23 plans de formación nos que se prevé que participen ata 200 pemes. Neste caso, a organización de clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos activará espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais.
