A Xunta apoia a través do programa ReAcciona máis de 260 proxectos para mellorar a competitividade das pemes galegas

Ven, 21/08/2020 - 08:30

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas concedidas dentro da primeira convocatoria para este ano do programa ReAcciona, que permitirán mobilizar 1,3 millóns de euros en 262 proxectos para mellorar a competitividade das pemes galegas. Os beneficiarios accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e, como novidade este ano, a innovación.

Entre os proxectos que se veñen de aprobar, destacan os apoios destinados á optimización da produción e cadea loxística; a preparación de procesos certificables; o asesoramento para o relanzamento comercial; o deseño de estratexias de márketing de contidos e o apoio das tecnoloxías da información e a comunicación para a adopción de xestión empresarial en mobilidade; ou o asesoramento para o financiamento da innovación e o deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores. Tamén se prestarán servizos de asesoramento para o relanzamento comercial, plans de mellora empresarial, xestión financeira ou análise do potencial competitivo, entre outros. Por sectores, un 35% dos servizos aprobados desenvolveranse no sector servizos; un 25% na industria, un 24% no comercio e a hostelería, un 11% na construción e un 4% no ámbito do transporte e comunicacións.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51023/xunta-apoya-traves-del-programa-reacciona-mas-260-proyectos-para-mejorar-competitividad