A Xunta avoga en A Xunta avoga en Coristanco por aproveitar as oportunidades que ofrece a formación profesional para o emprego no medio rural



Lun, 07/06/2021 - 11:59

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Coristanco no foro empresarial Formación profesional e emprego no rural, onde animou á mocidade a aproveitar as oportunidades que ofrece a formación profesional para o emprego no medio rural.

A directora xeral destacou en primeiro lugar a importancia da formación para o acceso ao mercado laboral, para a especialización nunha área profesional ou a reciclaxe profesional. “A cualificación permítelle á persoa elixir, comprender e adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo e global e reforza a resiliencia da sociedade”, apuntou. Así mesmo, e, en segundo lugar, apostou por una formación que responda ás necesidades e oportunidades do medio rural e, doutra banda, indicou os programas da Xunta que ofrecen unha formación dixital, flexible, adaptada e continuada ao longo de toda a vida laboral das persoas traballadoras.

A Consellería de Emprego e Igualdade está a investir este ano 72 millóns de euros -un 3% máis que en 2020- na posta en marcha de diferentes medias encamiñadas a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas a través da formación.

Expuxo, entre outros programas, os dirixidos á formación para ocupados e desempregados que inclúe cursos para 25.000 galegos. Dun lado, a Xunta está a investir 44,3 millóns de euros ata 2022 á formación de 16.600 persoas desempregadas e, doutra parte, o plan de formación para o emprego para persoas ocupadas conta cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos para chegar a unhas 5.000 persoas. Outros 3.300 traballadores recibirán, ademais, cualificación en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas para atopar traballo ou mellorar as súas condicións.

A Administración autonómica, ademais, conta con programas mixtos de formación e colocación como son os obradoiros e os programas integrados de emprego, e na actualidade está activo o programa Autónomos Dixitais co que a Xunta forma en comercio electrónico ata finais de xuño e de xeito gratuíto a 1.200 traballadores e traballadoras por conta propia e aqueles que perderan o seu negocio como consecuencia da covid-19 e estean en situación de baixa no réxime de autónomos.

A Consellería de Emprego e Igualdade, así mesmo, conta co programa Son Executiva para formar en liderado, creatividade e empoderamento feminino a 400 mulleres galegas en cinco cidades de Galicia ata o ano 2022.

Axenda Galega de Capacidades

Así mesmo, Lado fixo fincapé na Axenda Galega de Capacidades que se porá en marcha en consenso cos axentes sociais e que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación.

A directora xeral, por último, referiuse ao procedemento do Recoñecemento da Experiencia Profesional (REXP) co obxectivo de acreditar a experiencia laboral dos galegos e galegas. Este ano ofértanse 1.209 novas prazas para un total de sete cualificacións: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; e en institucións sociais; socorrismo en espazos acuáticos naturais; e en instalacións acuáticas; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; vixilancia e seguridade privada; e servizos para o control de pragas.

A directora xeral explicou que este procedemento, pioneiro en Galicia, ven realizándose desde 2011 e apuntou que ao longo das súas 14 convocatorias ofertáronse máis de 18.000 prazas, nun total de 19 cualificacións profesionais.

Para rematar, Lado sinalou que é necesario seguir apostando por achegar e facilitar a formación no medio rural, co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos e capacidades, e, deste xeito, engadiu que cómpre que a oferta formativa responda ás necesidades de actualización das competencias profesionais. “A formación constitúe un elemento clave para o emprego e o desenvolvemento da actividade económica no rural galego”, concluíu.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58741/xunta-aboga-coristanco-por-aprovechar-las-oportunidades-que-ofrece-formacion