A Xunta avoga por traballar da man do comercio para poñer en marcha un plan de reactivación económica do sector

Xov, 30/04/2020 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que mantivo esta semana un novo encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e representantes das federacións provinciais, avogou por traballar da man do sector para poñer en marcha un plan de reactivación económica neste ámbito.

Así, a xuntanza telemática tivo como obxectivo afondar nos pasos a dar para activar as medidas de apoio máis precisas e efectivas para o comercio galego, un dos sectores que máis está acusando o cese de actividade, constatando a acollida das iniciativas xa activadas e avaliando as que se enmarquen no día despois de que se levante o estado de alarma.

Segundo o conselleiro, “seguimos na planificación e na anticipación para deseñar un plan específico que nos permita incentivar a demanda”. O obxectivo primordial é incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con xestos e medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda. E, ao mesmo tempo, que o sector intensifique a súa transformación dixital para, entre outros aspectos, que os negocios teñan opción de ofrecer os seus servizos e produtos a través de internet e dispoñan de novas canles de venda. Ademais, no marco do novo plan, tamén se traballará en medidas de prevención de cara á reapertura, para garantir ao consumidor e aos traballadores do comercio unhas condicións de seguridade sanitaria.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48551/xunta-avoga-por-traballar-man-comercio-para-poner-marcha-plan-reactivacion-economica?langId=gl_ES