A Xunta colabora coas universidades galegas na posta en marcha de cursos de formación especializada en orientación laboral

Mér, 11/09/2019 - 08:30

A Xunta colabora un ano máis co Consorcio para o desenvolvemento de aplicación de xestión universitaria (CIXUG), integrado polas tres universidades públicas galegas, na posta en marcha de accións de formación especializada en orientación laboral, destinadas a mellorar a cualificación do persoal que traballa neste ámbito ou que queira adquirir as competencias necesarias.

Mediante un convenio de colaboración polo cal a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 140.000 euros, desenvólvese un curso de posgrao de especialización en orientación laboral, así como un curso de introdución e outro avanzado, nos que poderán participar en total ata 120 persoas. Todos os cursos combinan a formación en liña coas sesións presenciais, que se desenvolven en Santiago no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).

O primeiro en poñerse en marcha será o curso de posgrao de especialista universitario en orientación laboral, un título que outorga a Universidade da Coruña, e no que se formarán 60 persoas a partir do 13 de setembro. No caso do curso de iniciación, que comezará a partir do 20 de setembro, e no avanzado, que empeza a partir do 18 de outubro, aínda hai prazas dispoñibles para as persoas que queiran anotarse.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42809/xunta-colabora-coas-universidades-galegas-posta-marcha-cursos-formacion-especializada