A Xunta colabora con catro obradoiros artesáns da provincia achegando 70.000 euros para a formación de aprendices

Xov, 29/11/2018 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución dun programa de axudas posto en marcha por primeira vez este ano para impulsar o relevo xeracional na Artesanía de Galicia, a través do cal se busca formar aprendices e posibilitar a transmisión das técnicas artesanais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que na provincia de Lugo supón unha achega global de 70.000 euros pola participación de catro obradoiros que formarán a seis aprendices -11.435 euros por cada persoa en formación-.

Así, hai dous talleres que asinaron acordos con dous aprendices, ambos situados en Viveiro: o obradoiro especializado en cerámica Regal Cerámica e o de xoiaría Óscar Rodríguez Joyeros. Os outros dous obradoiros da provincia que resultaron beneficiarios das axudas foron Santiago Besteiro, situado en Monterroso e especializado no traballo co coiro, e mais o de Idoia Cuesta, localizada en Outeiro de Rei, e dedicado á aplicación das técnicas de cestería a materiais téxtiles.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35763/xunta-colabora-con-catro-obradoiros-artesans-provincia-achegando-70-000-euros