A Xunta desenvolve nas Pontes un programa integrado para a inserción laboral de 100 mulleres sen emprego

Xov, 14/03/2019 - 08:30

Un cento de mulleres desempregadas das Pontes de García Rodríguez, A Capela, As Somozas, Moeche, Ortigueira, Cariño, Cerdido, Mañón, Xermade, Muras, Ourol, San Sadurniño e Monfero están a formarse no programa integrado Pontes de Emprego II. Trátase dun dos programas autonómicos específico para mulleres que desenvolve o Concello co apoio da Xunta, tal e como destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, na visita que realizou hoxe nas Pontes a esta iniciativa.

As mulleres, na súa gran maioría desempregadas con capacidades diferentes, en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero e menores de 30 anos con baixa cualificación, están recibindo cualificación especializada en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais con opción a obter un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. Así mesmo, a través desta iniciativa da Xunta estase a impartir formación con prácticas en empresas en técnicas de venda e en cociña e manipulador de alimentos. Outras accións formativas que inclúe Pontes de Emprego II son as centradas no manexo de montacargas e pala cargadora, en autoemprego, español para estranxeiros, silvicultura e xardinaría e carné de conducir C+E+Cap.

O Programa Integrado de Emprego tamén ofrece accións encamiñadas a avanzar no desenvolvemento persoal, social e laboral do alumnado e sesións de orientación laboral.

O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna e que rematará en outubro deste ano, é dun 35%.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38359/xunta-desenvolve-nas-pontes-programa-integrado-para-insercion-laboral-100-mulleres