A Xunta destaca en Narón a importancia dos cursos formativos para mellorar o acceso ao mercado laboral

Ven, 24/05/2019 - 08:30

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou esta mañá en Narón aos alumnos de tres accións formativas para desempregados que se están a celebrar na Fundación Laboral da Construción. Durante a visita, destacou o papel da formación e destas iniciativas na mellora da empregabilidade dos galegos e galegas.

En concreto, un total de 37 alumnos asisten aos cursos de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión; de xestión ambiental e de soldadura que se están celebrando na Fundación Laboral da Construción. O director xeral destacou a importancia de apostar por unha formación que mellore a cualificación dos traballadores para incrementar as súas oportunidades laborais e que, ademais, dea resposta ás necesidades das empresas e do seu contorno.

Así, o Goberno galego, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten aberto ata o vindeiro 10 de xuño o prazo de solicitude de axudas para cursos de formación para desempregados que se imparten en centros homologados pola Administración.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40059/xunta-destaca-naron-importancia-los-cursos-formativos-para-mejorar-acceso-mercado