A Xunta destaca en Ourense o papel da formación no impulso ao emprendemento e a innovación no sector comercial

Mér, 20/06/2018 - 08:30

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe en Ourense a importancia da formación especializada como unha ferramenta fundamental para impulsar o emprendemento, o relevo xeracional e a innovación no sector comercial galego.

Vázquez Abeal entregou os diplomas do curso desenvolto pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Incyde que permitiu formarse en márketing dixital e emprendemento a 26 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego.

Ao abeiro desta iniciativa, dirixida a persoas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, desenvólvense actuacións de formación individualizada nas que se orienta a cada participante en función do seu perfil profesional e da actividade de cada proxecto empresarial, ademais das sesións conxuntas de formación. Varios dos participantes emprenderán a curto prazo proxectos empresariais nos que aplicarán os coñecementos adquiridos, en ámbitos como a hostelería, as actividades deportivas ou a organización de eventos.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/31538/xunta-destaca-ourense-papel-formacion-impulso-emprendemento-innovacion-sector