A Xunta destaca en Ponteareas o apoio ao emprendemento como clave para fortalecer a creación de emprego e o crecemento económico

Mar, 25/09/2018 - 08:30

O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na visita ás instalacións da empresa Galician Brew, en Ponteareas, que para a consolidación do crecemento económico é fundamental o apoio ás iniciativas emprendedoras galegas, como a da compañía pontevedresa, que está a desenvolver investimentos para a modernización dos seus procesos de produción.

Cividanes destacou que a Xunta, a través do programa de axudas Galicia Emprende, apoia iniciativas de emprendemento e creación ou consolidación de empresas como Galician Brew, que favorecen un emprego de calidade e estimulan o tecido empresarial galego. Ata o 25 de outubro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para a segunda convocatoria aberta este ano nesta liña de apoio, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, e que nesta segunda edición achegará axudas por valor de 3M€ a 80 proxectos que mobilizarán investimentos que acadarán os 11M€.

Lembrou tamén que o programa Galicia Emprende impulsa proxectos de investimento comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas que poden cubrir o 30% no caso das pequenas empresas e o 20% para medianas. Esta liña de axudas está deseñada para apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a consolidación, durante os primeiros 42 meses de funcionamento, de empresas promovidas en Galicia por emprendedores ou autónomos.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/33681/xunta-destaca-ponteareas-apoio-emprendemento-como-clave-para-fortalecer-creacion