A Xunta destaca en Ribadeo a importancia de apostar por unha formación flexible e dual para contar cunha Galicia máis preparada

Mar, 16/07/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Ribadeo -na visita que realizou ao obradoiro dual de emprego Ribadeo co Camiño- a importancia de apostar por unha formación flexible e dual para contar cunha Galicia máis preparada. Sinalou a necesidade de ofrecer unha formación continua que garanta un acceso máis favorable ao mercado laboral, lembrando que a maior formación, máis posibilidades existen de competir nun mercado que cada vez esixe unha preparación máis versátil e comprometida co cambio tecnolóxico.

No obradoiro Ribadeo co Camiño, un total de 20 desempregados, ao tempo que conta cun contrato laboral, están recibindo formación en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Así, esta iniciativa que financia a Xunta con preto de 300.000 euros, está permitindo a creación e mellora de varias áreas recreativas na zona da Palma en Ove (camping), en Vilela ou na contorna do albergue; o acondicionamento de espazos e posta en valor do patrimonio como é o caso do santuario da Nosa Señora das Virtudes da Ponte; e a elaboración de programacións culturais e canles de comunicación para promocionar o patrimonio existente no Camiño de Santiago que pasa por Ribadeo, en concreto, o Camiño do Norte.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41593/xunta-destaca-ribadeo-importancia-apostar-por-una-formacion-flexible-dual-para?langId=es_ES