A Xunta destaca a importancia da formación continua dentro e fóra das aulas para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu hoxe á xornada final do XX Congreso da Confederación Española de la Abogacía Joven (CEAJ), que desde o pasado xoves ten lugar nas instalacións do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña baixo o título ‘Encontros interxeracionais. Os piares da avogacía’. Este encontro, de carácter bianual, contou coa visión da profesión tanto dos avogados máis novos como dos sénior, así como cun amplo programa no que se abordaron temas como o dereito de familia e de infancia, dereitos humanos e refuxiados ou as redes sociais, entre outros.
Cecilia Vázquez comezou a súa intervención salientando a importancia deste simposio para que os novos avogados compartan experiencias e inquedanzas, e tamén para poñer en común e actualizar coñecementos. Nesta liña, referiuse á importancia da formación continua tanto dentro como fora das aulas para o desenvolvemento tanto profesional como persoal.
