A Xunta destaca a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta ás necesidades reais dos sectores produtivos

Mar, 14/05/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Tahume V promovido polos concellos de Ribeira e Porto do Son onde destacou a importancia de mellorar a cualificación dos galegos e galegas para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade.

Este obradoiro conta cun total de 20 alumnos que están recibindo formación específica de carpintería e moble, así como de actividades de conservación e mellora de montes, coa posibilidade de acceder a prácticas en empresas destas comarcas. Neste período de formación están realizando 42 actividades entre as que destacan actuacións sobre o mobiliario urbano de madeira e mellora de masas arbóreas e conservación en parques. Deste xeito, os participantes gañan en formación e experiencia para mellorar a súa empregabilidade. O conselleiro explicou que esta iniciativa impulsa o emprego nos concellos galegos, especialmente do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/39820/xunta-destaca-importancia-mejorar-calificacion-los-gallegos-gallegas-para-favorecer