A Xunta destaca o investimento de 57M€ en cursos formativos para mellorar o acceso dos galegos ao mercado laboral
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou esta mañá no Porriño aos alumnos das accións formativas de soldadura para desempregados que se están a celebrar en Aimen. Durante o encontro, destacou o papel da formación e destas iniciativas na mellora da empregabilidade dos galegos e galegas e lembrou que a Xunta está investindo máis de 57 millóns de euros no Plan galego de formación para chegar a 26.000 persoas.
Así, ata o 10 de xuño está aberto o prazo de solicitude para os cursos de formación para desempregados que se imparten en centros homologados pola Administración (como as accións que está realizando Aimen). As accións formativas empezarán en setembro deste ano, e poderán impartirse ata o 30 de setembro de 2020. Aos apoios poden acceder as entidades que sexan titulares de centros de formación acreditados e/ou inscritos pola Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral de Galicia: empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos.
