A Xunta destaca que os centros con contratos programa de mellora educativa multiplícanse por catro en oito anos de funcionamento

Ven, 22/03/2019 - 08:30

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o incremento do número de centros acollidos aos contratos programa de mellora educativa. Segundo un informe que coñeceu hoxe o Consello da Xunta, desde a súa posta en marcha con carácter experimental no curso 2011-12, multiplicáronse por catro os centros acollidos a esta iniciativa.

En oito anos de funcionamento, pasouse dos 144 centros iniciais aos 572 do presente curso. Ademais, o número de alumnos é de case 352.000 de primaria, ESO e FP fronte aos 11.600 do primeiro curso en funcionamento.

Feijóo incidiu en que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destina este ano preto de 6 millóns de euros aos contratos programa para que os colexios e institutos desenvolvan plans de mellora en función das súas necesidades.

Este programa conta con sete liñas específicas: reforzo, orientación e apoio, coñecido como PROA; mellora das competencias clave; mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros; prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia; mellora da calidade na xestión dos centros, e reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e formación profesional básica.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38517/xunta-destaca-que-centros-con-contratos-programa-mellora-educativa-multiplicanse