A Xunta fomenta o emprego no rural coa contratación de 25 persoas desempregadas en 13 concellos da área territorial de Vigo

Mar, 29/05/2018 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano 2018, da que se beneficiarán 25 persoas desempregadas de 13 concellos dependentes da área territorial de Vigo.

O obxectivo do Goberno galego, segundo subliñou o delegado da Xunta, Ignacio López Chaves, é impulsar o emprego no eido rural para incentivar a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para que realicen tarefas de silvicultura, biomasa ou limpeza de montes. Da dotación total deste programa, segundo dixo, investiranse 307.000 euros nos municipios de Salvaterra do Miño, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Nigrán, Mos, Cangas,, Gondomar, Soutomaior, Salceda de Caselas, Redondela, Moaña, O Porriño e Baiona.

O representante autonómico, aproveitou para resaltar o incremento nun 23% do orzamento destinado a este programa respecto ao pasado exercicio, posto que facilita a contratación dun 26,8% máis de desempregados que contarán cunha oportunidade para acceder ao mercado laboral. Ademais, apuntou que este ano o número de concellos galegos que se benefician deste programa medra un 15,5%, pasando dos 219 da edición anterior aos 253 desta convocatoria.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/30933/xunta-fomenta-empleo-rural-con-contratacion-25-personas-desempleadas-13-ayuntamientos