A Xunta impulsa a competitividade da industria forestal galega a través de 130 accións formativas

Mar, 10/09/2019 - 08:30

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas para a realización dun total de 130 accións formativas que terán como obxectivo impulsar a competitividade da industria forestal galega, dentro do compromiso do Goberno autonómico de ofrecer unha formación especializada para favorecer o crecemento e modernización deste sector estratéxico.

Trátase dunha liña de axudas deseñada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria na que se investirán máis de 288.000 euros. As beneficiarias son 10 asociacións vinculadas ao sector que serán as encargadas de desenvolver un total de 8 proxectos e organizar as actividades, que van desde cursos e obradoiros a seminarios e xornadas centradas nos eidos máis demandados por esta industria. Esta acción enmárcase na aposta da Xunta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria e compleméntase cos cursos que se imparten con simuladores, un método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal.

Este programa súmase ás axudas concedidas por XERA a pemes e micropemes para fomentar o uso de novas tecnoloxías e á convocatoria de innovación dirixida ás empresas de segunda transformación e do contract. No primeiro caso, aprobáronse 81 iniciativas ás que a Xunta destina 8,9M€ e que mobilizarán 26,9M€. E no segundo, estanse apoiando 14 proxectos cun investimento de 1,9M€ que mobilizarán máis de cinco e que teñen como obxectivo aumentar a produtividade, a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados e a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42751/xunta-impulsa-competitividad-industria-forestal-gallega-traves-130-acciones-formativas