A Xunta impulsa con 3,6 millóns de euros as exportacións de 600 pemes e autónomos a través do Plan Foexga

Mér, 19/12/2018 - 08:30

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria do plan de Fomento das exportacións galegas (Foexga), coordinado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, coa que se achegarán 3,6 millóns de euros para impulsar as exportacións de arredor de 600 pemes e autónomos galegos durante os vindeiros anos 2019 e 2020. O incremento no orzamento con respecto á anterior convocatoria acadará os 2,2 millóns de euros e permitirá duplicar o número de empresas beneficiarias, así como ampliar o calendario de actuacións en 10 meses.

A través desta iniciativa, as pemes e autónomos poderán acollerse a unhas 160 accións de internacionalización, entre as que se inclúen misións comerciais directas así como participación en feiras internacionais e en eventos promocionais como congresos, conferencias ou simposios. A Consellería de Economía, Emprego e Industria cobre, a través do Igape e contando co cofinanciamento do fondo Feder, o 90% dos custos.

O Foexga, que se desenvolve en colaboración coas Cámaras de comercio galegas, encargadas de organizar e coordinar as accións, ten entre os mercados prioritarios para esta convocatoria Alemaña, A China, Portugal, Brasil. Colombia, Cuba, Emiratos, Estados Unidos, Marrocos, México, Perú, Reino Unido, Canadá, Chile, Francia, India, Israel, Italia, Rusia, Xapón, países de África Subsaxariana e países de mercados multilaterais, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36194/xunta-impulsa-con-3-6-millones-euros-las-exportaciones-600-pymes-autonomos-traves